Svoboda | Graniru | BBC Russia | Golosameriki | Facebook
Transfiguration pending
Saltar ao contido

Chinés clásico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chinés clásico
古文 ou 文言
Outros nomes:Chinés literario
Falado en: República Popular da China, Illas Ryukyu, Xapón, Corea e Vietnam
Extinción: dende o século -V até o século II. Continúa como lingua literaria até o século XX.
Familia: Sino-tibetana
 Sinítica
  Chinés
   Chinés clásico
Escrita: Escrita chinesa
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: ---
ISO 639-3: lzh
Mapa
Status

O chinés clásico[1] é a lingua na que se escribiron os clásicos da literatura chinesa, máis ou menos a partir do século -V.Vogelsang2021xvii-xix-2">[2] Nos milenios posteriores, o chinés destas obras foi imitado en todos os países da sinosfera, nunha forma coñecida como chinés literario, que se empregou na escrita formal da China até o comezo do século XX. Este uso foi semellante ao do latín en Europa. Malia os cambios, a súa evolución foi bastante conservadora, polo que moitas das variacións da lingua oral non se reflectiron na escritura. Debido a isto, o chinés clásico non é plenamente intelixible para os falantes das linguas chinesas contemporáneas.

Co tempo, o chinés literario empezou a empregarse no Xapón, Ryukyu,[3] Corea e Vietnam, onde se introduciu como lingua de prestixio. Con posterioridade, o seu sistema de escritura adaptouse para expresar as linguas locais, que pertencían a diferentes familias. Cada un destes países teñen o seu propio xeito de ler os caracteres en chinés clásico.

Na actualidade, esta lingua foi substituída polas correspondentes variedades vernáculas.

Nomenclatura

[editar | editar a fonte]
O Shijing ou Clásico da poesía, unha escolma de 305 pezas que datan dos séculos -XI a -VII, escritas no chamado chinés antigo.
O Shijing ou Clásico da poesía, unha escolma de 305 pezas que datan dos séculos -XI a -VII, escritas no chamado chinés antigo.

Non hai un acordo universal sobre a definición precisa do termo "chinés clásico". Fundamentalmente, refírese á lingua empregada nos clásicos da literatura chinesa escritos entre o século -V e o remate da dinastía Han no século III. Cabe notar que a lingua dos textos canónicos anteriores ao século -IV, como os Cinco Clásicos, é diferente da utilizada en obras de períodos posteriores. Ademais, desta variante máis antiga non emerxeron tradicións comparables á do chinés clásico, malia o seu recoñecemento e prestixio. En consecuencia, fálase de chinés antigo ou chinés arcaico para referirse a ela, e así diferenciala do chinés clásico propiamente dito.Norman1988xi,_83-4">[4]

Con posterioridade á dinastía Han, a diferenza entre a lingua oral e o rexistro escrito fíxose moi evidente. Xa que logo, cuñouse o termo "chinés literario" para referirse aos textos que imitan de xeito consciente o canon clásico. Entre as súas características, destacan a adición de novo léxico e a perda de certos elementos gramaticais. O chinés literario empregouse en case todos os textos formais da China até comezos do século XX, cando foi substituído polo vernáculo. Segundo unha definición máis estrita, o período clásico vai dos tempos de Confucio (do -551 ao -479) á fundación da dinastía Qin no -221.Peyraube2008-5">[5]Pulleyblank19953-6">[6]

É común referirse tamén ao chinés literario como chinés clásico, mais os sinólogos salientan a diferenza entre as formas clásicas e os estilos imitativos posteriores. A partir do século II, a lingua chinesa falada comezou a diverxer nas distintas rexións, polo que o chinés literario da escrita deixou de representar as variedades orais e, xa que logo, non era intelixible para a xente común. Malia o intento de imitar aos grandes autores do pasado, unha mala comprensión das convencións literarias destes clásicos, xunto coa adición de novo léxico e de elementos propios das linguas vernáculas, acabou por distanciar ao chinés literario do clásico.Norman198883-84,_108-109-7">[7]

A utilización do chinés literario nos países da sinosfera en detrimento das linguas rexionais é un exemplo de diglosia. A coexistencia do chinés literario coas diferentes linguas nativas da China, o Xapón, Corea e Vietnam é comparable ao uso do latín en Europa, o árabe en Persia, ou o sánscrito no sur e o sueste asiático. Porén, a diferenza destes exemplos, o chinés literario emprega caracteres logográficos no canto dun sistema ligado directamente á pronuncia. A falta dunha correspondencia fixa entre a escrita e a fala permitiu unha diverxencia na evolución das lecturas dos caracteres que engade unha dimensión única ao estudo do chinés literario.

Ao contrario do latín ou do sánscrito, a lingüística do chinés centrouse historicamente na lexicografía, no canto de na gramática e a sintaxe. Este último tipo de análise comezou sobre todo coa chegada dos europeos no século XVII. Os misioneiros cristiáns cuñaron o termo wenli 文理 ("fundamentos da literatura", "linguaxe libresca") para referirse ao chinés clásico; porén, este vocábulo non arraigou entre os falantes nativos.Chao197625-8">[8]Zetzsche1999161-9">[9]

Gramática e léxico

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Gramática do chinés clásico.

Comparado co vernáculo escrito, o chinés clásico ten un estilo conciso e compacto, e emprega un vocabulario diferente. En especial, o chinés clásico é principalmente monosilábico, polo que as palabras de dous ou máis caracteres son infrecuentes.ChangCreelRudolph19484-5-10">[10]

A nivel sintáctico, o chinés clásico é unha lingua con tendencia á omisión; é dicir, é frecuente poder elidir o suxeito ou o obxecto dunha oración cando se sobreentende o referente. Ademais, as palabras non están restrinxidas a certas funcións gramaticais: moitos caracteres poden usarse como nome, verbo ou adxectivo. O chinés clásico carece de cópula (o verbo shi 是, que no mandarín actual actúa como cópula, equivale a un demostrativo no chinés clásico).

Por outra banda, a lingua conta con máis pronomes que o chinés actual. En especial, posúe multitude de pronomes da primeira persoa, que forman parte dun sistema de honoríficos. Así mesmo, ten moitas partículas interrogativas e finais.Brandt1927169,_184-11">[11]

Para alén das diferenzas gramaticais e léxicas, o chinés clásico destaca tamén polas súas calidades literarias. Abundan o paralelismo e o ritmo, incluso na prosa. Outros mecanismos como a alusión contribúen á brevidade na expresión.

  1. Entre os termos en lingua chinesa inclúense 古文 (gǔwén, lit. "texto antigo") e 文言 (wényán, lit. "lingua literaria"), así como 文言文 (wényánwén, lit. "escrita na lingua literaria"). Pola súa banda, a palabra 漢文 (hànwén, lit. "escrita dos han") úsase en xaponés (kanbun), coreano (hanmun) e vietnamita (văn ngôn). Nesta última lingua, tamén se empregan 古文 (cổ văn) ou 文言 (văn ngôn).
  2. Vogelsang2021xvii-xix_2-0">↑ Vogelsang 2021, p. xvii-xix.
  3. Por exemplo, o Rekidai Hōan, unha compilación de documentos diplomáticos do reino de Ryukyu, está escrito en chinés clásico.
  4. Norman1988xi,_83_4-0">↑ Norman 1988, p. xi, 83.
  5. Peyraube2008_5-0">↑ Peyraube 2008.
  6. Pulleyblank19953_6-0">↑ Pulleyblank 1995, p. 3.
  7. Norman198883-84,_108-109_7-0">↑ Norman 1988, p. 83-84, 108-109.
  8. Chao197625_8-0">↑ Chao 1976, p. 25.
  9. Zetzsche1999161_9-0">↑ Zetzsche 1999, p. 161.
  10. ChangCreelRudolph19484-5_10-0">↑ Chang, Creel & Rudolph 1948, p. 4-5.
  11. Brandt1927169,_184_11-0">↑ Brandt 1927, p. 169, 184.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]