HMS Lion (1910)
HMS Lion | |
---|---|
O HMS Lion. | |
Historial | |
Clase | Lion |
Tipo | cruceiro de batalla |
Posta en grella | 29 de novembro de 1909 |
Botado | 6 de agosto de 1910 |
Asignado | 4 de xuño de 1912 |
Baixa | 30 de maio de 1922 |
Destino | vendido para o despedazamento o 31 de xaneiro de 1924 |
Características xerais | |
Eslora | 213,4 m |
Manga | 27 m |
Calado | 9,9 m |
O HMS Lion foi un cruceiro de batalla da Royal Navy, o principal barco da súa clase. Tiña significativas melloras con respecto aos seus predecesores da clase Indefatigable en termos de velocidade, armamento e blindaxe. Os barcos da clase Lion eran 2 nos máis rápidos, cambiaron os canóns de 305 mm dos barcos máis vellos polo mesmo número de canóns de 343 mm, e tiña un cinto na liña de flotación de 229 mm de espesor contra os 152 mm da clase Indefatigable. Esta foi a resposta aos primeiros cruceiros de batalla alemáns, a clase Moltke, que eran máis grandes e potentes que os primeiros británicos, a clase Invincible.
O Lion serviu como buque insignia dos cruceiros de batalla da Grand Fleet durante a primeira guerra mundial, agás cando estivo sendo reacondicionado ou reparado. Afundíu ao cruceiro lixeiro alemán Cöln durante a batalla de Helgoland e serviu como buque insignia do vicealmirante Beatty nas batallas do banco Dogger e Xutlandia. Foi seriamente danado na primeira desas batallas e tivo que ser remolcado polo cruceiro de batalla Indomitable para regresar a porto, onde estivo en reparación durante dous meses. Durante a batalla de Xutlandia tivo un grave incendio que puido destruír o barco pero grazas ao home ao mando da torreta incendiada, que mandou inundar a polvoreira, o buque salvouse. O lume destruíu unha torreta que tivo que ser retirada para reconstruíla e o barco pasou varios meses en reparación. Pasou o resto da guerra en patrullas sen incidentes no mar do Norte, aínda que proporcionou cobertura a distancia na segunda batalla de Helgoland en 1917. Pasou á reserva en 1920 e foi vendido para o despedazamento en 1924 baixo os termos do Tratado naval de Washington.