Svoboda | Graniru | BBC Russia | Golosameriki | Facebook
Saltar ao contido

Luis Rodríguez Vaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luis Rodríguez Vaz
Información persoal
Nome Luis Rodríguez Vaz
Nacemento 7 de febreiro de 1942
Lugar de nacemento A Fraira
Adestrador
Anos Equipos
1967–1968 Ciudad Jardín (xuvenís)
1968–1969 Unión Sportiva
1971-1972 Ordes
1972–1973 Celta Turista
1973–1974 Deportivo da Coruña (xuv.)
1975–1976 Compostela
1977–1978 Racing de Ferrol
1978–1981 Fabril
1981–1982 Deportivo da Coruña
1982–1987 Fabril
1987–1988 Deportivo da Coruña
1988–1989 Fabril
1989–1992 As Pontes
1992–1994 Lugo
1994–1995 Racing de Ferrol
1996 Racing de Ferrol
1997–1998 Ourense
1998–1999 Ourense
1999–2000 Chaves
2001–2002 Ourense
editar datos en Wikidata ]

Luis Rodríguez Vaz, nado na Fraira (Traseirexa, Vilardevós) o 7 de febreiro de 1942, é un ex-militar e ex-adestrador de fútbol galego. Acadou o grao de tenente coronel do Exército, antes de abandonar a carreira militar para se centrar no fútbol. Desenvolveu case toda a súa carreira en Galicia, dirixindo durante 35 anos a Escola Galega de Adestradores e adestrando a maioría de grandes clubs galegos da súa época como o Deportivo da Coruña, o Racing de Ferrol, o Compostela, o Endesa As Pontes, o Lugo e o Ourense. Con todo, foi o banco do Fabril o que ocupou durante máis tempo, nas décadas de 1970 e 1980.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu no lugar da Fraira, no concello ourensán de Vilardevós, sendo fillo dun militar.[1] Instalado na Coruña elixiu o mesmo camiño que seu pai e iniciou unha carreira no Exército, acadando o grao de tenente coronel. Durante anos compaxinou o mundo militar coa súa gran paixón, o fútbol, ata que tivo que decidir entre ambas profesións, elixindo o deporte.[1]

Comezou no fútbol adestrando o equipo xuvenil do Ciudad Jardín coruñés e a continuación dirixiu o Unión Sportiva de Santa Lucía, ao tempo que iniciaba a súa labor na Escola Galega de Adestradores. En 1969 viaxou xunto a Arsenio Iglesias, Enrique Nieto e Carlos Torres a Madrid para realizar o curso de adestrador nacional.[2] Rodríguez Vaz licenciouse como o número 2 da súa promoción, só por detrás de Ferenc Puskás.[3][4]

Deportivo da Coruña (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Ao seu regreso á Coruña, Antonio González, presidente do Unión Sportiva, levouno para o Deportivo da Coruña, club que tamén presidía el mesmo.[5] Dirixiu o Ordes, que naquel momento mantiña un convenio de colaboración co Deportivo, o Celta Turista, e tamén o equipo xuvenil do Deportivo, ademais de exercer como segundo adestrador de Carlos Torres, Orizaola e Irulegui no primeiro equipo.[5][6] Co equipo xuvenil proclamouse campión do Campionato Galego, despois de derrotar na final ao Celta de Vigo de Pepe Villar.[7]

Escola Galega de Adestradores e Compostela

[editar | editar a fonte]

Tras deixar a estrutura do club coruñés por desacordos co xerente Manuel Fernández Trigo, continuou dando clases de preparación física na Escola Galega de Adestradores e en 1975 foi nomeado adestrador do Compostela. Adestrou unha soa tempada ao club santiagués, proclamándose campión da Serie A e ascendendo así á Terceira División.[8]

En 1976 foi nomeado director da Escola Galega de Adestradores, cargo que ocupou durante os seguintes 35 anos. Durante ese tempo saíron da súa escola técnicos como Unai Emery, Đukić, Luis César ou Carlos Ballesta.[5]

Racing de Ferrol (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1977 fichou polo Racing de Ferrol, que viña de ascender á nova Segunda División B. Alí dirixiu a destacados futbolistas da historia do club como Millán, Silvano, Pereira, Otero, Arteche, Richard ou os xemelgos José e Manuel Collazo, conseguindo a primeira posición do Grupo I e o regreso do Racing á Segunda División despois de seis anos de ausencia.[9] A pesar do seu éxito en Ferrol, non continuou no club para a seguinte campaña, xa que os longos desprazamentos da categoría de prata complicarían a súa labor no Exército.[10]

Deportivo da Coruña (2ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Deste xeito decidiu aceptar unha oferta para regresar ao Deportivo da Coruña como adestrador do Fabril.[10][11] Dirixiu o filial coruñés durante as seguintes tres tempadas, conseguindo nos tres casos a permanencia en Terceira. No verán de 1981 iniciou a súa cuarta campaña consecutiva no Fabril, pero en novembro dese mesmo ano foi subido ao primeiro equipo do Deportivo en substitución do cesado José Martínez Palomar. O equipo coruñés levaba varias xornadas caendo na clasificación da Segunda División e no momento da chegada de Vaz ocupaba a 13ª praza, dous puntos por enriba dos postos de descenso.

O técnico de Vilardevós estreouse na categoría de prata nun partido fronte á AD Almería en Riazor que rematou en empate (0–0). Ao final da campaña, o club quedou no 12º posto.

A continuación regresou ao Fabril, ao que adestrou durante os seguintes cinco anos, sempre na Terceira División. Na tempada 1987/88, trala destitución de Eusebio Ríos, foi novamente chamado para adestrar o primeiro equipo do Deportivo, que ocupaba a 15ª praza de Segunda. Dirixiu o equipo durante 17 xornadas (entre a 8 e a 24), pero non conseguiu endereitar o rumbo do equipo, polo que en febreiro de 1988, co equipo no 18º lugar, foi substituído por Arsenio Iglesias. A pesar de que non logrou os obxectivos deportivos do club, foi o adestrador que fixo debutar aos dous irmáns que acabarían sendo dous dos xogadores máis importantes da historia do Deportivo: José Ramón e Fran.[12]

Na tempada 1988/89 adestrou novamente o Fabril, obtendo o quinto lugar no seu grupo da Terceira División. Ao remate da competición anunciouse que o técnico non seguiría na estrutura do Deportivo, despois de máis dunha década no club.[13]

As Pontes

[editar | editar a fonte]

Trala súa saída do Fabril fichou polo Endesa As Pontes, da Segunda División B. Dirixiu durante tres anos o equipo das Pontes de García Rodríguez, conseguindo no úiltimo deles unha histórica clasificación para a fase de ascenso a Segunda. Encadrado nun grupo xunto a Atlético Marbella, Yeclano e Manlleu, non puido sumar ningunha vitoria, rematando na última posición, sendo o equipo andaluz o que acabou ascendendo.

En decembro de 1992 fíxose cargo do Lugo, que afrontaba a primeira tempada da súa historia na Segunda División, e que viña de destituír a Xulio Díaz, ocupando o equipo a penúltima posición da táboa. Aínda que conseguiu achegarse á salvación, finalmente non acadou o obxectivo e o equipo descendeu á Segunda División B. Continuou á fronte do equipo lucense no inicio da tempada 1993/94, pero foi destituído en xaneiro de 1994, co equipo na sexta posición, sendo substituído por Eduardo Fernández Abel.

Racing de Ferrol (2ª e 3ª etapas)

[editar | editar a fonte]

Na campaña 1994/95 regresou a Ferrol para dirixir ao Racing, e estivo a piques de repetir o que conseguira 17 anos antes, ascender a Segunda. Logo dunha sensacional liga regular, na que se proclamou campión do seu grupo, o equipo disputou a fase de ascenso, encadrado nun grupo xunto a Almería, Valencia B e Beasain. Despois de dúas vitorias, tres empates e unha soa derrota, o equipo galego afrontou o derradeiro e decisivo encontro na Malata contra o Beasain de Perico Alonso precisando unha vitoria para o ascenso, pero non conseguiu pasar do empate a un gol.

Na tempada seguinte o Racing de Ferrol prescindiu dos seus servizos e elixiu como técnico a Ramón Piña, pero este foi destituído en decembro, ocupando o seu lugar Gerardo Molina, que tamén foi cesado en febreiro de 1996, a pesar de que o equipo estaba de segundo. A directiva liderada por Isidro Silveira recorreu de novo a Rodríguez Vaz, buscando mellores sensacións de xogo e o ascenso a Segunda. O equipo verde meteuse unha vez máis na promoción de ascenso, pero fracasou de novo. Luis Rodríguez Vaz deixou Ferrol cun balance total de 109 partidos oficiais dirixidos nas tres etapas, con 58 vitorias, 26 empates e 25 derrotas.

Ourense (1ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Na tempada 1996/97 foi contratado polo CD Ourense para a derradeira xornada do campionato de Segunda División, en substitución de Antoni Teixidó, co equipo ocupando postos de descenso. O Ourense enfrontábase ao Almería no estadio Antonio Franco Navarro e conseguiu vencer por 2-3 grazas aos goles de Arturo, Emerson e Čakić, salvando así a categoría. Este éxito propiciou a súa renovación para a tempada 1997/98, na que o club ourensán volveu acadar a permanencia ao acabar na 16ª posición. A pesar disto, foi despedido e substituído por Emilio Cruz de cara á tempada 1998/99, na que a directiva esperaba loitar polo ascenso.[14] Con todo, antes de rematar o ano foi contratado de novo polo club ourensán trala destitución do adestrador madrileño, co equipo en postos de descenso. Dirixiu o equipo durante 10 xornadas, antes de ser cesado de novo polos malos resultados (7 derrotas e 3 empates). O seu substituto foi Juan Luis Hernández Fuertes e tampouco este conseguiu mellorar os números do conxunto ourensán, que se despediu para sempre da Segunda División.

En maio de 1999 foi contratado polo Chaves, da Primeira Liga de Portugal, co equipo xa descendido a falta de tres xornadas. Chegou co obxectivo de ascender o equipo na seguinte campaña pero as súas peticións de fichaxes non se cumpriron e finalmente os malos resultados provocaron o seu despedimento en xaneiro do ano 2000.[15][16]

Ourense (2ª etapa)

[editar | editar a fonte]

Trala súa marcha de Chaves, dirixiu a selección galega de afeccionados e en novembro de 2001 regresou ao banco do Ourense, substituíndo outra vez a Antoni Teixidó.[17] Adestrou o club ata o final da tempada, conseguindo sen problemas a permanencia na Segunda División B. Foi o seu último club, poñendo a continuación fin a unha carreira de 35 anos nos banquiños.

  1. 1,0 1,1 R. Blanco, Xabier (19 de marzo de 2018). "Rodríguez Vaz: "Por el nivel, dan ganas de volver"". La Región (en castelán). Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  2. "Cuatro gallegos al curso nacional de entrenadores". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de novembro de 1969. p. 16. 
  3. Cobas, Eugenio (29 de agosto de 2011). "Vaz cuelga la pizarra". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  4. "Rodríguez Vaz, director de la Escuela Regional de Preparadores". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de novembro de 1976. p. 41. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Llamas, Antonio. "Rodríguez Vaz: “Fran, el mejor jugador que entrené, pudo haber llegado más lejos en el fútbol”" (en castelán). Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  6. "La opinión de Vaz". El Pueblo Gallego (en castelán) (18374). 30 de marzo de 1974. p. 16. Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  7. "Después de... el Celta no fue campeón". El Pueblo Gallego (en castelán) (18375). 31 de marzo de 1974. p. 22. Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  8. "A la tercera fue la vencida". El Pueblo Gallego (en castelán) (18737). 23 de maio de 1976. p. 22. Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  9. "Todos los ascensos del Racing a Segunda". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de agosto de 2024. Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  10. 10,0 10,1 "Vaz, entrenador del Fabril". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xuño de 1978. p. 36. 
  11. "Vaz nuevo entrenador del Fabril". El Pueblo Gallego (en castelán) (20379). 23 de xuño de 1978. p. 22. Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  12. "Luis Rodríguez Vaz: "Yo he vivido para el fútbol. Me gusta y lo llevo dentro"". La Opinión A Coruña (en castelán). 16 de decembro de 2011. Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  13. "La directiva del Deportivo decidió no renovar el contrato al técnico del Fabril, Luis Rodríguez Vaz". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xuño de 1989. p. 40. 
  14. "Emilio Cruz, nuevo entrenador del Ourense". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de maio de 1998. p. 51. 
  15. Zautúa, Israel (3 de agosto de 2024). "Luis Rodríguez Vaz: “Chaves es una ciudad muy futbolera”". DxT Campeón (en castelán). Consultado o 19 de agosto de 2024. 
  16. "Cese de Rodríguez Vaz en el Chaves". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de xaneiro de 2000. p. 58. 
  17. "Rodríguez Vaz sustituye a Teixidó en el Ourense". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de novembro de 2001. p. 33. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]